Ante as dúbidas xurdidas sobre o alcance do establecido na
Base segunda e na Base sétima da Resolución do 18 de febreiro de 2009 pola que
se convoca o concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de
persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, en relación cos requisitos
para poder participar pola quenda de promoción interna (Base segunda) e coa
exención do segundo exercicio de carácter práctico de ordenador (Base sétima),
cómpre facer as seguintes consideracións:
1º.- Para poder concorrer ao proceso selectivo pola quenda de promoción
interna é necesario reunir os seguintes requisitos: (artigo 26 do Decreto
206/2005, do 22 de xullo)
a) Ter a condición de persoal estatutario fixo doutra categoría de nivel
académico igual ou inferior ao daquela á que se pretende acceder.
b) Estar en servizo activo en institucións sanitarias do Servizo Galego
de Saúde, e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos,
dous anos na categoría de procedencia.
Segundo o anterior para que o persoal estatutario fixo do Servizo Galego
de Saúde poida acceder pola quenda de promoción interna a outra categoría de
igual ou superior nivel para a que ten a titulación necesaria ten que ter
prestados, polo menos, dous anos de servizos prestados en propiedade
na categoría en institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde
e atoparse, no prazo de presentación de instancias, en situación de
activo na mesma nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
Pola tanto, calquera propietario/a dunha categoría
que teña prestados servizos efectivos para o Servizo Galego de
Saúde durante, polo menos, dous anos na mesma (aínda que non sexan
inmediatamente anteriores á data da convocatoria) poderá participar nesta
quenda sempre que estea en situación de servizo activo na devandita
categoría nunha institución do Servizo Galego de Saúde no prazo de presentación
de solicitudes, e se manteña na devandita situación ata a toma de posesión como
persoal estatutario da nova categoría (parágrafo primeiro da Base segunda da
convocatoria).
2º.- En canto a exención do segundo exercicio de carácter práctico de
ordenador, a Base sétima establece que os aspirantes que participen na quenda
de promoción interna que pertenzan á categoría do grupo auxiliar da función
administrativa e aspiren a acceder á categoría de persoal de servizos xerais
así como os aspirantes que pertenzan á categoría de persoal de servizos xerais
que aspiren a acceder á categoría do grupo auxiliar da función administrativa,
estarán exentos de realizar o segundo exercicio de contido práctico co
ordenador.
De acordo co anterior, para quedar exento da realización do segundo
exercicio de carácter práctico de ordenador será suficiente que
a persoa sexa propietaria da categoría do grupo auxiliar da función
administrativa ou de persoal de servizos xerais e aspire a acceder, pola
quenda de promoción interna, á categoría de persoal de servizos xerais ou do
grupo auxiliar da función administrativa, respectivamente, sen necesidade de
participar nesta quenda desde a categoría do grupo auxiliar ou de persoal
de servizos xerais. É dicir, se unha persoa cumpre os requisitos para
participar pola quenda de promoción interna por ser propietaria dunha categoría
que non sexa a do grupo auxiliar da función administrativa ou de persoal de
servizos xerais, por exemplo celador, pero ademais é propietario (en
situación de excedencia) da categoría do grupo auxiliar da función administrativa
ou de persoal de servizos xerais, quedará exento da realización do devandito
exercicio.
A xustificación desta exención é que un aspirante que xa superou o
exercicio de ordenador para adquirir a condición de estatutario fixo da
categoría do grupo auxiliar da función administrativa ou de persoal de servizos
xerais, non teña que volver a superar este exercicio para acceder á categoría
de persoal de servizos xerais ou do grupo auxiliar da función administrativa
respectivamente, cando participe na quenda de promoción interna, con
independencia de que a súa participación na devandita quenda sexa desde aquelas
categorías ou desde outras para as que cumpre os requisitos para a devandita
participación.